Casa da Anguía

O xurado destaca que é unha obra pequena, pero moi interesante que constitúe un exemplo formidable de reutilización e de economía circular que deben potenciarse
por implicar un esforzo análogo ou similar ao doutras obras con maiores presupostos para dar unha resposta arquitectónica de interese e sostible, dentro da economía circular, tentando reutilizar e afectar o menos posible ao planeta.
Nesta obra, o xurado destaca que, malia tratarse dunha obra de moi escaso orzamento, constitúe un claro exemplo do tipo de intervención que debe potenciarse.
Na súa escala, a obra implica un esforzo considerable para dar unha resposta arquitectónica de interese, que prima a reutilización de materiais e a economía circular como estratexias para reducir o impacto sobre o medio ambiente das intervencións arquitectónicas.


Categoría: 
Premio especial á sustentabilidade


CASA DA ANGUÍA

O encargo consistiu no acondicionamento e ampliación do local, para que, ademais da preparación e celebración da festa da anguía, funcione como espazo polivalente para a realización de actividades e reunións por parte da propia asociación veciñal ou outras actividades que o propio concello puidese levar a cabo, tales como cursos ou xornadas gastronómicas, ao ser o único local social dispoñible no núcleo de Barral.
Nas obras para executar, melloráronse as instalacións existentes, dotouse ao local dun maior espazo de almacenamento e para atención ao público durante a celebración da festa gastronómica.
Mediante a reforma da instalación eléctrica, modificáronse os puntos de luz co uso de tecnoloxía LED para fomentar o aforro enerxético, instalando unha lámpada de aceiro galvanizado co mesmo tipo de tecnoloxía. Ademais, o illamento da cuberta con paneis de cortiza ecolóxica e das fachadas con termoarcilla permite unha mellora enerxética. Introdúcense enerxías renovables mediante a instalación de calefacción de biomasa coa instalación dunha estufa de pellets.
En canto a sistemas construtivos e materiais, óptase pola bioconstrución, empregando materiais da zona, que son ademais os materiais tradicionais, para favorecer as economías locais (gres en pavimentos, paneis de cortiza, termoarcilla, morteiros de cal natural ecolóxico, pinturas minerais ao silicato, madeira proveniente da silvicultura sostible con selo FSC., etc...)
A intervención busca unha construción con pegada de carbono cero, co emprego de materias primas apenas tratadas, para conseguir sistemas construtivos ecolóxicos. A optimización de recursos naturais (ampliación de xanelas existentes que permitan o máximo aproveitamento da luz natural), é unha das medidas adoptadas no devandito proxecto. Para os pavimentos execútase unha soleira de formigón puído e vernizado no volume da ampliación, e un solado de gres de Aragón con acabado natural de 330x330mm na área preexistente.
En cuberta efectuouse a impermeabilización do forxado existente, coa execución dun reforzo do beirado mediante peza de bordo executada en chapa de aceiro galvanizado con goterón e recollida de pluviais. Realízase un pozo drenante para recoller a auga de pluviais das gárgolas.