Escuela infantil de Vilaxoan

O xurado destaca o valor arquitectónico da proposta que supón unha relevante achega ao programa clásico dunha escola infantil a través da calidade e fluidez dos espazos que xera.


Categoría: 
Premio galego de arquitectura


ESCOLA INFANTIL VILAXOÁN

As características formais da parcela, a súa orientación, xunto á súa posición de borde, obrigaron a adoptar estratexias dirixidas a completar o tecido urbano consolidado, aliviar a densidade construída e minimizar no posible o impacto visual e paisaxístico producido por edificios de vivendas cuxa morfoloxía e escala contrastan coa vila tradicional e a súa contorna. Para acadar esa relación máis acaída e amable na marxe do núcleo, o novo edificio tenta apoiarse nas preexistencias dunha trama que conserva parte do seu parcelario orixinal, definido pola sinuosa traza do seu viario, que deixa espazos de horta nas traseiras dunhas edificacións de volumes simples e cubertas a dúas augas, sen esquecernos das naves industriais que tamén imprimen carácter e definen a identidade desta vila orientada ao traballo no mar. Esta lóxica e organicidade espacial, xunto á humildade construtiva das súas tipoloxías arquitectónicas -vivendas mariñeiras e fábricas en desuso-, serviu como punto de partida para o novo edificio, ao ofrecer boas oportunidades para acoller a versatilidade dun programa destinado á educación integral dos máis pequenos.

Partindo do punto de maior conexión coa vila, onde se sitúa a entrada da escola, un conxunto de volumes ben definidos vaise quebrando e ondulando seguindo o desenvolvemento ascendente da Rúa Miramar. A configuración dunha nova topografía, que envolve boa parte do construído a través dunha cuberta vexetal, favorece a transición entre os dous grandes espazos abertos: un xardín ao norte, que nos separa da estrada, e o patio orientado ao sur, sobre o que gravita a zona común do edificio, ao que se abren as aulas e demais dependencias. A relación interior-patio exterior se resolve mediante un muro cortina que percorre toda a fachada posterior, configurándose como un grande ámbito polivalente, luminoso e soleado, que posibilita os xogos e as relacións interpersoais no interior ou ao ar libre, dependendo das condicións climáticas de cada momento.

O decidido protagonismo dos espazos abertos e axardinados, que condicionan a composición volumétrica e a organización dos espazos interiores, xunto á selección dos materiais que conforman a estrutura, envolvente e acabamentos, co uso predominante do formigón, a madeira e o aluminio nas súas características e aparencias naturais, sen artificios, definen unha racionalidade construtiva baseada en criterios de sinxeleza formal, sustentabilidade e eficiencia enerxética, economía de medios e integración no seu territorio.