- Beatriz Queijo, arquitecta | Laura Catoira, arquitecta | Raquel Estévez, arquitecta técnica y coordinadora de seguridad y salud | Pablo Alonso, estructura
A vivenda sitúase nunha parcela rectangular cunha notable pendente en dirección oeste-este, situada na periferia de Vigo caracterizada por edificación dispersa e desordenada na que se superpoñen tecidos de vivenda unifamiliar e naves industriais sobre a trama viaria sen unha orde nin carácter que constrúa unha estrutura reconocible, máis aló da impoñente presenza dos montes do Alba e Cepudo, que actúan como principal referente xeográfico e identitario.
O proxecto concíbese a partir das características técnicas e dimensións de fabricación dos paneis contralaminados de madeira de piñeiro de Galicia: unha banda lineal cinguida ao linde norte da parcela de 5 metros de ancho e 36 metros de longo e en cuxos alzados lonxitudinais poderían resolverse con 7 paneis estruturais.
A banda edificada expón unha secuencia de usos que de oeste a leste define os espazos para garaxe, despacho, vestíbulo, cociña, salón, dormitorio de invitados e dormitorio principal. O acceso prodúcese desde a cara norte, definindo un dobre roteiro accesible peatonalmente ou desde o garaxe, que conflúen nun zaguán cuberto.
O alzado sur ábrese á parcela mediante espazos que expoñen unha diferente relación co exterior: apertura cunha pérgola metálica na zona central de salón, terraza solárium para as habitacións e unha terraza cuberta e máis introvertida na zona de despacho. O alzado norte, máis pechado e complexo pola presenza de edificacións veciñas, con ocos amplos de traza cadrada que enmarcan vistas afastadas aos montes do Alba e Cepudo e á ría de Vigo.
A pendente da parcela, permite definir un espazo de soto e instalacións baixo a zona de habitacións, que, buscando unha máxima eficiencia, inclúen captadores fotovoltaicos sobre a cuberta do salón, aerotermia para ACS e chan radiante e renovación de aire con recuperadores de calor.