O Convento de San Francisco está situado na rúa Emilia Pardo Bazán da cidade de Ourense. Os seus históricos muros atópanse na parte alta, máis coñecida como atalaia de Vista Alegre. A nova sede do Arquivo Histórico Provincial está destinada a converterse nun gran complexo cultural, moi ligado á Biblioteca Pública do Estado, o Conservatorio de Música e Auditorio da cidade.
Dentro do complexo, desenvólvese un programa completo en resposta a requirimentos funcionais que se organizaron en tres áreas principais:
Área reservada, de acceso restrinxido (depósitos e zona de traballo).
Área privada, de acceso controlado (oficinas e administración).
Área de acceso público (salas de consultas, salas de exposicións e claustro).
Na procura de diálogo, a compatibilidade de novos usos coa estrutura orixinal do edificio, a necesidade de intervir dun xeito sutil e darlle todo o protagonismo ao convento, recuperáronse e conserváronse grandes naves de planta aberta onde se dispoñen os necesarios espazos de recepción, salas de exposicións, salas de investigación e consultas, salón de actos, aulas e gabinetes pedagóxicos, oficinas administrativas e dirección entre outros.
O conxunto conventual foi enteiramente restaurado a través deste proxecto arquitectónico que comprende múltiples campos e disciplinas (arquitectura, enxeñería, arqueoloxía, restauración e interiorismo) que afectan ao ben patrimonial e a súa contorna, para que o conxunto histórico recupere o protagonismo perdido. O resultado final permite valorar o convento e especialmente o seu claustro gótico, podendo así manter os futuros procesos de conservación.
En definitiva, o convento soubo evitar con firmeza o paso dos séculos a pesar de que dende as súas orixes sufriu múltiples metamorfoses que puxeron en perigo a súa continuidade, sufrindo innumerables intervencións que adaptaron os seus espazos a novos usos e destinos.