Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2020

Sobre o concurso

A Xunta de Galicia premiará aos mellores proxectos arquitectónicos de edificacións realizados nos últimos anos nos eidos da arquitectura e a rehabilitación a través dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se galardoará a traxectoria profesional dunha persoa arquitecta no territorio galego.

O obxectivo dos premios é o impulso á excelencia da nosa arquitectura e a rehabilitación recoñecendo a calidade das edificacións rematadas nos anos 2018 e 2019,  tanto de obra nova como de rehabilitación. Especial mención merecen os premios especiais de sustentabilidade e á traxectoria profesional. O primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente, en particular a Estratexia Galega de cambio climático e enerxía 2050. O premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego.

Os premios, que convoca o Instituto Galego da Vivenda e Solo cun valor total de 24.000 euros, teñen as seguintes modalidades e dotacións: 

  1. Premio galego de arquitectura. Outorgarase entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación que teñan suficiente entidade propia como para ser valorados de forma independente á construción orixinal. Dotación económica: 6.000 €
  2. Premio galego de rehabilitación. Destinado a galardoar os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente. Dotación económica: 6.000 €
  3. Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento. 

Premios Especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a continuación:

a) Á sustentabilidade. Destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co medioambiente, os recursos e as xeracións futuras. Dotación económica: 6.000 €

b) Á traxectoria profesional. Recoñecemento á meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura, no territorio galego. Dotación económica: 6.000 €.

Poderán optar a estes premios, agás o especial á traxectoria profesional 2020,  os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2019 dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. As persoas autoras dos proxectos deberán ser profesionais da arquitectura. No caso do premio á traxectoria profesional non se establece ningún tipo de límite temporal.

A presentación das candidaturas será realizada por parte dalgunha das institucións que formarán parte do xurado, que estará presidido pola Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e composto por representantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo; Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa  Señora do Rosario; Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; Federación Galega da Construción e Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.

Caixa de suxestións:
O IGVS pon a disposición do público en xeral una caixa de suxestións na aplicación premiosarquitectura.xunta.gal. á que poden remitirse suxestións para que o organismo, como entidade do xurado, poda telas en conta para facer a proposta prevista nas bases para os premios galegos de arquitectura, de rehabilitación e ao especial á sustentabilidade.

Na caixa de suxestións indicarase a modalidade do premio para a que se presenta a suxestión, a localización da obra, a descrición do proxecto, a data de terminación da obra e os datos identificativos da persoa autora do proxecto (nome/razón social e enderezo).

Deberá achegarse a documentación prevista nas bases:

  • Imaxes: Un máximo de 12 arquivos, que poderán conter fotografías, planos, diagramas, etc., en formato .jpg, relativos ao correspondente proxecto.
  • Memoria descritiva e xustificativa do proxecto.
  • Lámina-resumo, en formato horizontal DIN-A3, do proxecto proposto.
  • Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima de 3 minutos, sobre o proxecto proposto.
  • Para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír, ademais, unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como dos resultados obtidos.

Bases do concurso

A continuación poderanse consultar as bases do concurso daa edición de 2020:

Premiados

Premio galego de arquitectura dotado con 6.000 euros: O xurado acorda galardoar co premio galego de arquitectura 2020 á Escola infantil en A Veigadaña. Arquitectos: Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal Leirós. O xurado valorou o acertado do proxecto pola naturalidade coa que se insire no lugar e a capacidade de definir os seus límites físicos, nunha única operación formal, contundente, na que encontran acomodo tanto a complexa funcionalidade de todo o programa como os espazos baleiros que lle acompañan. Unha moi ben estudada sección controla os aspectos ambientais e luminosos que tanta transcendencia teñen, sobre todo nesta tipoloxía edificatoria. Complétase cunha ben resolta relación entre espazos interiores e exteriores. A precisión construtiva, coa que se manexan os materiais elixidos, está ao servizo duns espazos de sosegada ambientación, que completa a excelente calidade do conxunto, en lugar tan delicado como o bordo do Camiño de Santiago. Premio galego de rehabilitación dotado con 6.000 euros: O xurado quere comezar destacando a calidade e o número das propostas. Nunha reflexión máis ampla, desexa poñer de manifesto o carácter exemplificativo da maior parte destas actuacións e insistir na súa importancia ambiental e económica, decisivas pola súa incidencia na conservación do contorno, urbano ou rural. Neste segundo caso, coa importante derivada que supón a súa contribución a fixar a poboación ao seu contorno vital, renovando núcleos rurais que, doutro modo, camiñan velozmente cara a degradación. Decidiu, por iso, significar con idéntica valoración as tres propostas que considera máis cualificadas, valiosas e representativas deste tipo de intervencións, polo que acorda galardoar ex aequo co premio galego de rehabilitación, cunha dotación de 2.000 para cada unha, ás seguintes obras arquitectónicas: - Reconstrución de vivenda afectada pola vaga de lumes en Saa. Arquitectos: Juan José Otero Vázquez e Cecilia López Muíños. - Rehabilitación de vivenda. Arquitecto: Alfonso Penela Fernández. - Intervención en bodega e área enoturística destinada á celebración de eventos. Arquitectos: Oficina de Arquitectura, Urbanismo e Planificacion SLP. (Juan Antonio Caridad Graña e Isidro López Yañez) Reconstrución de vivenda afectada pola vaga de lumes en Saa. Valórase nesta intervención o valor da proposta que, despois do drama do incendio, aposta por volver a habitar o lugar, o que nos di moito acerca da vontade de permanencia e, ao mesmo tempo, polo que ten de significativo facelo cunha arquitectura que mira con renovada estética cara o futuro. Ten un gran valor esta conciencia de contemporaneidade, fundamentada nunha notable calidade arquitectónica sensiblemente inserida no seu contorno. E así quere resaltalo este xurado. Rehabilitación de vivenda. Aquí trátase dunha proposta situada no medio urbano, fundamentada nunha decidida vontade de renovación arquitectónica, aínda que, e de aí o valor que se quere resaltar, delicadamente sometida aos valores ambientais do contorno e a súa tradición formal. Tamén neste caso, ponse de manifesto como a calidade da súa arquitectura é capaz de resolver, adecuadamente, termos que parecen antitéticos: conservación e profunda renovación. Ambas, encontran adecuada síntese, nesta pequena intervención que, non obstante, pola súa calidade faise notar e ser merecedora do recoñecemento deste xurado. Intervención en bodega e área enoturística destinada á celebración de eventos. O xurado quere recoñecer, explicitamente, a adecuada integración paisaxística desta intervención. Os valores do contorno non so se conservan, senón que, dalgún modo veñen ser resaltados, na medida que toda a intervención se prega ao mantemento dos seus valores naturais. Escala volumétrica, elección de materialidades, concreción formal superpóñense nun notable exercicio de equilibrio e bo facer sen por iso, renunciar ás esixencias dunha complexa funcionalidade. Premio especial á sustentabilidade dotado con 6.000 euros O xurado, á vista da documentación complementaria achegada polas candidaturas propostas para a categoría de sustentabilidade, acorda galardoar co premio especial á sustentabilidade ao proxecto “Reforma de edificio existente para 8 vivendas unha oficina e aparcamento”. Arquitecto: Leonardo LLamas Álvarez. O edificio sito na r/ Colón 11 de Vigo é unha rehabilitación do antigo Hotel Galicia. O xurado considera que esta intervención constitúe un exemplo de como a calidade arquitectónica resulta perfectamente compatible coa adopción de criterios de sustentabilidade. De feito, a presente intervención supón unha aposta decidida pola sustentabilidade dende unha dobre perspectiva: Por unha banda, a decisión de partida de manter e recuperar o edificio existente, adecuándoo aos novos usos, en lugar de substituílo por unha nova edificación, implica unha utilización eficiente dos recursos e unha redución do impacto ambiental da actuación. Por outra banda, o edificio acada unha moi alta eficiencia enerxética, mediante as estratexias adoptadas de redución da demanda e eficiencia dos sistemas de produción de enerxía, que ten o seu reflexo nas cualificacións enerxéticas obtidas (ten unha cualificación enerxética coa letra A e certificado enerxético Passivhaus) Finalmente, o xurado valora moi positivamente que esta iniciativa, a prol da sustentabilidade, fora acometida por un promotor privado, pondo así de manifesto que sustentabilidade e rendibilidade económica non constitúen conceptos contrapostos.

Premio á Traxectoria Profesional: arquitecto/a

D. Manuel Gallego Jorreto,

Os arquitectos galegos, cando falan da obra e da persoa de Manuel Gallego Jorreto, saben que están ante a figura dun mestre e dun referente. Na súa obra cristalizan temas, intereses e preocupacións que son comúns á Arquitectura contemporánea, entendida na súa dobre vertente, a cultural-artística e a utilitario-funcional. Estes son: A análise rigorosa do lugar e do seu contorno (topografía, orientacións, pendentes, edificacións adxacentes, etc...), buscando neste as leis e ideas que rexerán a racionalización do proxecto, de forma que a arquitectura resultante, se implante entendendo e adaptándose ao lugar. Arquitectura do lugar.

Premios de Arquitectura

Premio galego de rehabilitación

Premio especial a sustentabilidade